O movemento feminista galego convoca a manifestación unitaria o 5 de marzo

Diversos colectivos, organizacións e plataformas feministas de Galicia realizan este ano a convocatoria unitaria da manifestación do Día Internacional das Mulleres, que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro domingo 5 de marzo.

A manifestación partirá da rúa do Hórreo (fronte á estación de tren), ás 12:00 da mañá e percorrerá as seguintes rúas: Rúa do Hórreo, Rúa da República Arxentina, Rúa Xeneral Pardiñas, Praza de Galicia, rúa da Senra, Porta Faxeira, Praza do Toural e Rúa Nova (en caso de choiva, este percorrido faríase máis curto). O remate será na Praza da Quintana, onde realizaremos o acto de peche coa lectura do manifesto, elaborado de xeito colaborativo polas entidades convocantes.

Como novidade, a lectura do manifesto correrá a cargo de 3 mulleres de distintos lugares do país cuxas historias e loitas representan ben a diversidade e forza do movemento feminista e das mulleres galegas. As lectoras serán Nélida Pisco, vítima de discriminación laboral en Autobuses de Calo (Compostela), Ángeles Fernández, afectada polo conflito laboral de Seralia (Ourense) e Pura Seoane, do Sindicato Labrego Galego (Pontevedra). O acto será conducido pola actriz coruñesa Isabel Risco e pechará coa actuación do Batuko Tabanka (Burela).

Convocatoria diversa e incluínte

A convocatoria deste ano é froito do traballo en común dun amplo abano de persoas e colectivos de mulleres con visións e traxectorias diversas no feminismo, nunha aposta pola confluencia para acadar unha celebración do 8 de marzo ampla e unitaria. Os colectivos convocantes reflicten ben esta diversidade: Tamborililás – Batuke Feminista Compostela, Conas Ceives, Conclave de Feministas Aleatorias, Fiadeiras, Marcha Mundial Mulleres Galiza, Mulheres Nacionalistas Galegas e Plataforma Feminista Galega, ao que cómpre sumar apoios individuais e de organizacións mixtas. O lema da manifestación, ‘Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita’ recolle precisamente o ánimo de xuntar esforzos e traballar en común na loita polos dereitos das mulleres e contra todas as manifestacións da violencia machista e contra o sistema heteropatriarcal. Convidámosvos a acudir a esta manifestación unitaria e incluínte do 5 de marzo en Compostela, na que agardamos que tanto o movemento feminista como as mulleres galegas na súa diversidade se sintan representadas e acollidas. Xuntas, reivindicaremos os nosos dereitos e a forza que nos da estar unidas na nosa diversidade.

Difusión e adhesións

Todas as novidades da convocatoria poden seguirse nesta páxina web. Neste espazo atópase tamén o manifesto, así como un formulario de adhesións no que tanto organizacións como colectivos e persoas poden amosar o seu apoio a esta convocatoria.

Para axudar á difusión do evento na rede, convidámosvos a compartir as vosas mensaxes de apoio co hashtag #5MSonFeminista e a seguir o evento en Facebook e as novas da páxina web.